Voceiro municipal do BNG-Moraña.
Ás mulleres e homes do BNG de Moraña interesádesnos por riba de todo @s veciñ@s. Interésan@s axudarvos, resolver os vosos problemas e inquedanzas e afondar no voso benestar e na mellora dos servizos que precisades e utilizades. Por iso o BNG de Moraña é a forza política, a moita distancia das demais, que máis iniciativas está a presentar no noso concello a través de mocións, preguntas, interpelacións, etc…todo isto cun único obxectivo: defender os intereses xerais de veciños e veciñas do noso Concello.
Non obstante preocúpanos a falta de talante democrático da Alcaldesa de Moraña e do seu goberno municipal, que incumpre sistematicamente os acordos plenarios, porque moitas das mocións do BNG aprobadas nas sesións plenarias (incluso algunhas votadas polo PP) non se cumpren pola inacción do goberno municipal.
Algunhas das mocións presentadas polo BNG de Moraña no que vai de lexislatura foron:
- moción para promover a concentración parcelaria.
- moción en favor dunha Moraña limpa, para crear unha ordenanza reguladora
- moción para a gratuidade dos libros de texto
- moción para a revisión da facturación eléctrica municipal
- moción para a creación dun punto limpo e mellora na xestión de residuos. Non se fixo nada
- moción para adopción de medidas sociais para crear un banco de alimentos e banco de roupa
- moción referida á colocación de elementos de garda-beirarrúas para seguranza vial e de peóns
- moción para eliminar o co-pagamento de medicamentos a persoas doentes crónicas non hospitalizadas na sanidade pública
- moción para a derrogación das taxas xudiciais
- moción para a mellora da seguridade vial na estrada PO-226 entre Moraña-Cuntis
- moción para a eliminación do punto negro no tramo entre a Igrexa de San Mamede e Outeiro, na Amil.
- moción a prol do mantemento do xulgado de paz e gratuidade dos rexistro civil en Moraña
- moción en apoio das persoas afectadas polas participacións preferentes e obrigas subordinadas
- moción para resolver as inundacións da explanada de Mos
- moción sobre o abuso dos prezos de inmóbeis rústicos e urbanos. Prezos que supuxeron unha suba de impostos encuberta por parte do PP
- moción sobre os recortes sociais no Plan Concertado da Xunta. Uns recortes do 83% para o concello de Moraña
- moción de apoio á iniciativa lexislativa popular en defensa da sanidade pública
- moción solicitando o cambio de parada do transporte escolar no lugar de Sabadín
- moción contra a privatización e suba de taxas nas escolas infantís
- moción contra a suba do IBI, que nos impón o PP, e que suporá que veciños e veciñas paguen máis pola contribución
- moción contra a suba da tributación a autónomos e pequenas empresas
- moción en defensa do ensino público galego
- moción para a defensa e restitución das axudas de normalización
- moción de rexeitamento da reforma laboral. Unha reforma de recortes de dereitos para traballadores e traballadoras
- moción de apoio ás persoas que reciben pensións de estados estranxeiros
- moción de rexeitamento das abusivas comisións bancarias
- moción para defensa da tarxeta sanitaria para persoas desempregadas e sen recursos económicos
- Moción para mellorar a seguridade no vial EP-0018 que pasa pola Amil.
- Moción sobre derogación das leis contra as mulleres
Alén disto realizamos dúcias de preguntas, rogos e suxerencias en cada pleno arredor de moi diversas cuestións.
É ben curioso o xeito que ten o PP local de entender a democracia, desgraciadamente dende o inicio do seu mandato, vemos como a falta de diálogo e a prepotencia son as pautas de actuación do PP, e concretamente da Alcaldesa. Para o PP, que lembramos, só conta con 4 de 11 concelleiros, o diálogo é a imposición do que “eu fago e do que eu digo”, saltándose así os mínimos requiridos nun sistema democrático. É desolador comprobar que a resposta da Alcaldesa ante a non convocatoria mensual do pleno ordinario (feito que se acordou realizar así dende o inicio da lexislatura) sexa a de “es que no había temas que tratar”.
Outro exemplo deste xeito de desgobernar é o que ocorreu co PXOM, un Plan Xeral que se presenta a exposición pública e do que se pretendeu que pasase desapercibido para @s veciñ@s. Precisamente foi o BNG quen forzou unha xuntanza informativa do PXOM co equipo redactor para que transmitise información aos cidadáns afectad@s.
O Partido Popular non goberna Moraña, o PP só traballa clientelarmente por un burdo interese político e electoral, só pensa en “rapiñar” votos e para iso non descoida moitas veces nin as formas. Esta forma de actuar do goberno municipal leva a descoidar e a deixar (por falta de interese) de resolver os problemas reais que a veciñanza padece a diario nas nosas parroquias, problemas que nos seguen a trasladar ao BNG como o de resolver os enganches ao saneamento, os pozos de bombeo que continúan sen funcionar, os moitos viais intransitables que hai polas parroquias, a planificación de obras nas parroquias e un longo etcétera
Dende logo non nos sorprende este xeito caciquil e incompetente de actuar, xa que esta é a verdadeira política do PP, a de sacarse fotos inútiles e sen contido nin beneficios para @s veciñ@s na prensa con delegados e representantes da Xunta e tamén é a política do despilfarro, a de esfachicar (por exemplo) os cartos nunha rotonda poñéndolle pedras e carneiros de pedra priorizando actuacións que non son tan necesarias como outras cuestións básicas para a poboación.
Por suposto dende o BNG continuaremos a denunciar este tipo de políticas e tamén a traballar por unha Moraña mellor e con futuro.