Arquivo da categoría: Información xeral

O BNG ESÍXELLE AO SERGAS A URXENTE REPOSICIÓN DO SERVIZO DE PEDIATRÍA EN MORAÑA

O BNG chamará á veciñanza a secundar todas as mobilizacións,recollidas de sinaturas e actuacións que sexan necesarias para que se repoña o servizo de pediatría.

➡️ Unha vez máis o centro de saúde de Moraña queda sen servizo de pediatría. Hai agora tres anos, en 2018 o noso centro de saúde estivera máis de 70 días sen este servizo, que finalmente e logo dunha gran mobilización veciñal, se repuxera parcialmente, malia que para daquela moitas veciñas e veciños decidiran utilizar o servizo de pediatría do concello veciño de Caldas de Reis

.➡️De novo moitas usuarias e usuarios deste servizo en Moraña contactaron co BNG indicándonos que xa non hai servizo de pediatría en Moraña e que están derivando a todas as crianzas ao servizo de Caldas, moi maltratado tamén polos recortes do Partido Popular na sanidade pública en xeral e na atención presencial da mesma en particular

.➡️Para o BNG de Moraña o servizo de Pediatría existente no noso concello é fundamental e moi necesario, e así o entende tamén a poboación afectada, moi pendente e preocupada estes días por este feito. Dende o BNG somos conscientes dende hai anos que as verdadeiras intencións do goberno da Xunta do Partido Popular son destruír e demoler a nosa sanidade pública, castigando aos poucos o servizo ata que ás veciñas e veciños non lles quede outro remedio que acudir a citas privadas, cuestión que moitas familias nin tan sequera se poderían permitir

.➡️En palabras do voceiro municipal Marcos Suárez “esta é unha nova agresión aos nosos dereitos. Non podemos perder cada dous ou tres anos un servizo tan importante como o depediatría no noso concello, non podemos permitir que o Partido Popular continúe a esnaquizar a nosa sanidade”. Suárez explica que “ante esta situación dende o BNG vimos de iniciar unha campaña na demanda da restitución deste importantísimo servizo no centro de saúde, así como a continuación da campaña pola volta á atención primaria”

.➡️ O voceiro municipal explica que “dende o BNG rexistraremos nas vindeiras horas unha moción para debate urxente no pleno municipal e tamén un escrito dirixido á Xunta de Galiza para reclamar o que é un dereito fundamental, o dereito á saúde e a unha atención adecuada deste servizo público básico”

.➡️ Suárez tamén fai un chamamento ao “goberno municipal do señor Cela a que deixe de estar desaparecido e sentado no sillón e se preocupe e actúe a este respecto. Pedímoslle ao PP de Moraña que non asuma sen máis o desmantelamento de servizos imprescindibles do noso concello e que presione todo o posible ao Sergas e ao goberno amigo da Xunta para revertir estes recortes” asegura o concelleiro nacionalista

.➡️ De continuar esta situación nos vindeiros días chamaremos dende o BNG á veciñanza a secundar todas as mobilizacións, recollidas de sinaturas e manifestacións necesarias que se poñan en marcha para revertir este novo recorte no noso centro de saúde no caso de que o SERGAS non ofreza unha solución inmediata.

Por uns servizos públicos de calidade! A sanidade é un dereito, non un negocio!

O BNG CUALIFICA DE PERDA DE TEMPO OS PRIMEIROS 6 MESES DE XESTIÓN DO NOVO ALCALDE DE MORAÑA

Moraña, 13 de abril de 2021.

O BNG de Moraña lamenta a perda de tempo que significaron para Moraña estes primeiros seis meses de goberno “continuísta” do señor Cela. O Grupo nacionalista lembra a sensación que ten a maioría da cidadanía sobre este goberno do Partido Popular, unha sensación de parálise e despreocupación total e de falta absoluta de presencia e resolución dos problemas e prioridades de Moraña “Con esta opinión tan estendida no noso concello queda claro que os gobernos do partido Popular en Moraña tocaron fondo” asegura o voceiro do grupo municipal do BNG, Marcos Suárez.

Suárez afirma que “aínda que o cambio de goberno gañou no diálogo, o xeito de actuar segue sendo o mesmo”. Lembramos por exemplo “a creación da AulaWifi, unha proposta do BNG que se aprobou no primeiro mes de novo mandato e que se nos explicou que se faría realidade en 2-3 meses, e a día de hoxe os nosos estudantes e resto de persoas que preparan probas seguen sen ter a posibilidade dun acceso digno e dun lugar seguro e tranquilo para o estudo”

No inicio do seu mandato, o actual Alcalde explicaba que as obras ían ser “unha prioridade para o goberno do PP”. Seis meses despois tivemos que asistir ás protestas de ducias de veciños e veciñas, incluso de lugares enteiros que en pleno século XXI aínda seguen sen servizos públicos básicos como o saneamento, cuestión á que o Alcalde dá portazos día tras día dicindo que “non hai cartos”. O PP só se preocupou neste tempo do rescate, por un importe de 115.000 euros dunhas parcelas urbanísticas da rúa 7 produto dunha fallida operación urbanística privada.

Suárez tamén lembra que “a día de hoxe, o noso concello dispón de dúas obras paralizadas e das que nada se sabe: as do campo de Fútbol de Mirallos, previstas para ser rematadas en xuño de 2020 e a unidade de atención ao Alzhéimer en Alende, tamén prevista para rematar hai agora un ano e da que o goberno municipal non foi quen de traballar para desatascar e levar a cabo dende o mes de outubro”. “O Partido Popular tampouco estivo a carón do tecido social, xa que non foi quén de ter ideas propias e traballar conxuntamente cos diferentes sectores. Deste xeito a única axuda directa que recibiu o tecido asociativo parte dunha proposta do BNG dentro dun paquete presentado pola nosa organización chamado `Reactivar Moraña` de maio de 2020”, indica o voceiro nacionalista.

“O goberno do señor Cela,- indica Suárez – “ tampouco axudou en nada a paliar a grave terceira onda que afectou a Moraña, sen atender as demandas xeralizadas da poboación a realizar un cribado masivo no peor momento da pandemia. O Goberno municipal estivo ausente e sen ofrecer ningún tipo de información diaria nas canles comunicativas oficiais dos casos COVID19, previsións e medidas a tomar”

Suárez tamén lamenta “non sabermos nada das actuacións prometidas electoralmente polo PP. Non foron quen de avanzar nada nos proxectos que presentaron como fundamentais para este mandato, como son a Recuperación e adecentamento da área da Pontenova no entorno do Río Umia, a posta en valor da explanada de Mos ou a rede de fibra óptica en todos os núcleos de poboación”.

Suárez tamén lembra que “o goberno do PP segue sen adoptar medidas para tentar frear a perda de poboación acelerada que está padecendo o noso Concello, cuestión que continúa ser unha sangría xa que nos últimos 9 anos en Moraña hai 355 habitantes menos. Tamén temos que lamentar a completa desaparición da programación cultural no noso concello, unha cuestión máis necesaria ca nunca nestes tempos, nos que se podían realizar actividades, sempre cumprindo coa normativa COVID e cos horarios de toque de queda para dinamizar as parroquias e axudar tamén ao tecido cultural do noso concello”.

En definitiva, para o BNG de Moraña estes seis meses foron unha absoluta e lamentable perda de tempo. Moraña está padecendo un goberno de parálise absoluta, un goberno en decadencia e sen proxecto político de futuro para o noso Concello.

Asina pola recuperación da atención presencial en moraña

Asina aquí

——

      Esta pandemia ocasionada polo COVID-19 puxo ao límite o noso sistema sanitario. Puxo en evidencia o preciso que é investir en saúde, todo o contrario ao ocorrido nos últimos anos. A pandemia puxo de relevo que precisamos un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recortes, que permita responder ás necesidades de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte con recursos para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan en cada momento e estar ben dimensionado para abordar as emerxencias sanitarias cando xurdan.

     Diante da pandemia a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia presencial tal como pasa no centro de saúde de Moraña e nos PACs, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais. A decisión que tomou o SERGAS foi que a atención se centrara preferentemente na consulta telefónica, cuestión que está ocasionando moitas dificultades tanto aos profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria como no acceso da poboación á mesma, xa que os profesionais están sobrecargados de traballo e cun esgotamento físico e mental insoportable e os veciños/as estamos a soportar colapsos habituais e diarios no teléfono do centro, colas á intemperie para acceder ao centro e listas de espera de varios días, entre sete e dez na actualidade, para conseguir só unha cita telefónica.

    As persoas abaixo asinantes consideramos que a resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia ao sistema público, porque supón un claro risco para a saúde da poboación.Esta situación pode levarnos a un problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías,de atención tardía...É preciso desconfinar a sanidade pública e reactivar a atención presencial con máis persoal,máis información e máis accesibilidade. É preciso dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías. Por todo isto demandamos á Xunta de Galicia a: 

• .- Realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial no centro de saúde de Moraña para dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación. 


• .- Aumentar no noso centro de saúde o número de profesionais que sexa preciso para permitir aumentar o tempo e a calidade da atención asistencial así como incorporar as categorías profesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral: psicólogos/as clínicos e/ou psicólogos xerais sanitarios, nutricionistas, terapeutas ocupacionais, logopedas, podólogos/as..

INICIATIVA DO BNG PARA RECUPERAR A ATENCIÓN PRESENCIAL NO CENTRO DE SAÚDE DE MORAÑA

Esta pandemia ocasionada polo COVID-19 puxo ao límite o noso sistema sanitario. Puxo en evidencia o preciso que é investir en saúde e as repercusión dos 11 anos de recortes aos que someteu o PP ao sistema sanitario. A COVID 19, puxo de relevo que precisamos un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recortes, que permita responder ás necesidades
de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte con recursos para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan en cada momento e estar ben dimensionado para abordar as emerxencias sanitarias cando xurdan.

Diante da pandemia a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia presencial, o peche de consultorios, nos centros de saúde, tal como pasa no de Moraña e PACs, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais.A decisión que tomou o Sergas foi que a atención se centraran preferentemente na consulta telefónica, isto está ocasionando moitas dificultadas tanto aos profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria como no acceso da poboación á mesma.

Á situación de sobrecarga de traballo que padecían os profesionais da Atención Primaria previa ao coronavirus fóronlle engadindo tarefas de diagnóstico, seguimento, illamento, identificación por coronavirus e funcións de rastrexo. Unha sobrecarga da atención telefónica e da carga burocrática: teléfonos colapsados, o persoal administrativo, as celadoras e celadores ao límite, soportando unha presión tremenda.
As consecuencias son desastrosas tamén no noso Centro de Saúde, escasísimos profesionais, que están ao límite, cun esgotamento físico e mental insoportable, listas de varios días, ata dez na actualidade en Moraña para conseguir só unha cita telefónica, doentes crónicos descompensados (persoas hipertensas, diabéticas, con cardiopatías, problemas renais, controis de saúde de pediatría con moitas demoras)e veciños e veciñas facendo cola á intemperie para acceder ao centro.

Por outra banda as demoras para acceder ás prestacións hospitalarias (consultas, probas diagnósticas, intervencións cirúrxicas) que xa eran tremendamente altas, non fan máis que aumentar; seguen sen publicarse as listas de espera que tiñan que terse feito públicas no mes de xullo.
Esta situación está xerando que cada vez máis persoas estean acudindo á sanidade privada, diante da falta de resposta na sanidade pública, e desprotección da poboación con menos recursos.

A resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia ao sistema público, porque supón un claro risco para a saúde da poboación.
Esta situación pode levarnos a un problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías, de atención tardía…É preciso desconfinar a sanidade pública e reactivar a atención presencial con máis persoal,
máis información e máis accesibilidade, É preciso dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das
patoloxías. Por todo isto


Instamos á Xunta de Galicia a:
1.- Realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria para dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao
resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e asmedidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación. Establecer protocolos claros e unificados para a atención presencial de doentes para toda a Atención Primaria.
2.- Aumentar no Centro de Saúde de Moraña o número de profesionais que sexa preciso para permitir aumentar o tempo e a calidade da atención asistencial así como incorporar as categoríasprofesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral: psicólogos/as clínicos, nutricionistas, terapeutas ocupacionais, logopedas,podólogos/as…
3.- Aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%, no inmediato 200 millóns de euros.
4.-Modificar o Decreto que regula as Áreas e os Distritos Sanitarios para crear unha estrutura de xestión da Atención Primaria con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos.
5.- Publicar de inmediato a situación das listas de espera hospitalarias e poñer en marcha un plan de choque para reducilas.

Instamos ao goberno muncipal de Moraña a:
1.- Demandar da Xunta de Galicia que adopte de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria para dar resposta ás demandas e necesidades da veciñanza
2.- Manter unha posición proactiva en favor dunha ateción presencial no Centro de Saúde de Moraña
3.- Colaborar coas profesionais do Centro de Saúde de Moraña en todo o que demanden e precisen, dentro ámbito competencial municipal

Comunicado do bng ante o abandono de luísa piñeiro da alcaldía de moraña

Comunicado urxente do BNG Moraña

Moraña, 17 setembro de 2020

Dende o BNG de Moraña queremos en primeiro lugar desexarlle a mellor das sortes no plano persoal a Luísa Piñeiro.

A nosa organización lamenta e considera un fraude que só un ano despois de asumir un novo mandato como Alcaldesa abandone Moraña, aos seus votantes e sobre todo deixe na estacada ao conxunto da veciñanza. O “Moraña sempre”, que foi o máximo compromiso electoral do PP nas pasadas municipais, resultou ser un slogan baleiro e enterrado para sempre un ano despois.

Piñeiro deixa un goberno do que sempre foi, aparencias e formalidades aparte, a única integrante real asumindo de facto dende o primeiro día as competencias do resto de concelleiros/as de goberno, un goberno malo do que só podemos resaltar durante este ano a falta de iniciativa, o incumprimento sistemático dos acordos plenarios, a absoluta falta de comunicación e diálogo e a actuación tarde e a remolque durante os peores meses da pandemia.

Dende o BNG agardamos coñecer canto antes quen ocupará agora o cargo de Alcalde/Alcaldesa así como a disposición e reorganización do goberno local ao que demandamos dende xa traballar intensamente con Moraña, con adicación, humildade, transparencia e rigor na xestión. Para nós Moraña sempre foi, é e será o máis importante.

BNG presenta moción ante as incertezas sobre o inicio de curso 20/21

ℹ️Dende o BNG somos conscientes da gran preocupación de pais e nais ante o protocolo aprobado pola Xunta de Galiza para o inicio das aulas no mes de setembro. Ante iso, solicitamos ao goberno e corporación municipais que adopten estes acordos ao respecto:
1️⃣ Amosar o rexeitamento ao Protocolo COVID19 para o ensino aprobado pola Xunta de Galiza así como apoiar as demandas da comunidade educativa nestamateria.

2️⃣ Esixir á Xunta de Galiza a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste Concello, derivado da COVID-19,asumindo a totalidade do sobrecuste.

3️⃣. Apoiar as reivindicacións das asociacións de nais e pais do alumnado abrindo con urxencia por parte da Xunta de Galiza un diálogo para resolver os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021

.4️⃣ Emprazar á Xunta de Galiza a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemasderivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantiro correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021.

5️⃣ Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galiza, á FEGAMP e á CONFAPAGalicia.

O BNG presenta o primeiro tramo da candidatura para as municipais

A organización nacionalista celebrou onte sábado unha concorrida asemblea local na que se aprobou por unanimidade o primeiro tramo da candidatura para as eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. Acompañarán no primeiro tramo desta candidatura:

2. Rubén Fernández Monteagudo, de 33 anos, veciño de Santa Lucía, mestre de educación musical e Secretario Comarcal da CIG-ENSINO. Músico nos grupos Tanxugueiras e Alvariza, Rubén participa tamén no tecido cultural e asociativo de Moraña na actualidade é presidente da Asociación cultural Peña Espetados.

3. Mariña Búa González, veciña de santa Lucía de 26 anos, graduada en Farmacia e máster en Nutrición, exerce de farmacéutica na actualidade. Implicada no movemento nacionalista dende moi nova.

4. Belén Vieitez Ferradáns, 32 anos, veciña de San Martiño de Laxe forma parte activa do movemento feminista. Licenciada en Dereito e máster en Xénero, Igualdade e Educación, traballa na Deputación de Pontevedra.

5. Javier Acevedo Ferreira, veciño de Paraños (Gargantáns) de 44 anos, implicado na defensa e revitalización do noso rural. Javier traballa nunha auxiliar de automoción e forma parte da CIG. 

En palabras de Marcos Suarez Redondo, cabeza de lista do BNG de Moraña “este primeiro tramo da candidatura acumula xuventude, ilusión e futuro, pero tamén unha ampla experiencia no traballo feminista, social, cultural e político. Son mulleres e homes coñecidas e relevantes no noso concello, plenamente conscientes de que Moraña merece máis e preparadas e ilusionadas para traballar no proxecto de futuro que dende o BNG temos deseñado para o noso concello”. Asegura Suárez que “xunto co resto das 21 mulleres e homes da candidatura formamos un equipo sólido e de garantías para gobernar, xestionar e devolverlle o peso político a Moraña e o protagonismo ás veciñas e veciños”.

A lista completa do BNG de Moraña, que inclúe varias novidades máis, será presentada públicamente a todas as veciñas e veciños o vindeiro domingo 7 de abril as 12h na Casa de Cultura Castelao

a Xunta DEIXA FÓRA A MORAÑA DO PROXECTO DE TRANSPORTE METROPOLITANO

Esta exclusión deixa en evidencia a función de títere da Alcaldesa, que a pesar de expoñerse publicamente non conseguíu que incluísen a Moraña neste plan

          Moraña, 5 de febreiro de 2019

        A  Dirección Xeral de Mobilidade vén de emitir unha resolución pola que se someten a información pública os proxectos de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada.  Os anteproxectos que a Xunta ten a exposición pública coas claves XG-628 Metropolitano de Pontevedra e XG- 673 Entorno metropolitano de Pontevedra non recollen o ámbito territorial de Moraña, a pesares de que o goberno municipal e o PP de Moraña anunciaran e confirmaran a “bombo e platillo” que o noso Concello estaba dentro deste proxecto de transporte. Finalmente os informes técnicos déronlle a razón ao concello de Pontevedra e exlucíron a todos aqueles que quixeron subirse ao carro deste proxecto sen aval técnico e só para crear polémica con curtos fins electorais, como o caso de Moraña. 

          Esta mala nova danos a razón ao BNG e deixa en absoluta evidencia ao Partido Popular de Moraña e á súa  política demagóxica e única función de títeres, pois o úinico que fixo esta organización foi crear polémica  cunha campaña pública reiterada na que acusaban ao Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, de bloquear o transporte metropolitano de Pontevedra e ao BNG de Moraña de non posicionarse na defensa dos intereses do noso concello.  O PP de Moraña impulsou unha campaña de descrédito do BNG con este asunto, enviando un boletín informativo a todas as casas de Moraña que incluía un titular no que culpaba ao BNG de bloquear o transporte metropolitano. Dende o BNG preguntámonos se o Partido Popular de Moraña fará as mesmas acusacións agora á Xunta de Galicia despois de que esta  deixase a Moraña fora do proxecto de transporte metropolitano de Pontevedra.

            Para o BNG de Moraña, que a Xunta de Galicia exclúa a Moraña nos anteproxectos de transporte anteriormente citados é unha mala nova, que constata o pouco peso e interese que o noso concello ten para a Xunta de Galicia, e deixa ademais en evidencia o infantil xogo político que estivo facendo a señora Piñeiro, Alcaldesa de Moraña, que estivo máis preocupada de enlearse en loitas políticas co BNG e co Concello de Pontevedra, antes que defender os intereses do noso concello. Intereses que deben pasar, e aos que o BNG non renuncia, a defender un transporte público de calidade, con frecuencias e liñas acordes ás necesidades da veciñanza de Moraña, pois na actualidade por exemplo na fin de semana non hai liñas de transporte a Pontevedra nin a Santiago de Compostela.

       O BNG de Moraña continuará traballar nesta mesma liña de proposta de sistemas útiles e viables para mellorar o nosos transporte insistindo unha vez máis na necesidade de demandar unha mellora das frecuencias de transporte público a Moraña e  implementar un sistema de transporte municipal a demanda, cuestións na que o BNG xa plantexou o debate con sendas iniciativas presentadas  ao pleno da corporación municipal e que o Partido Popular de Moraña non apoiara, sen tampouco plantexar máis iniciativa que a sinatura, agora frustrada, deste convenio de transporte metropolitano.