O BNG ESÍXELLE AO SERGAS A URXENTE REPOSICIÓN DO SERVIZO DE PEDIATRÍA EN MORAÑA

O BNG chamará á veciñanza a secundar todas as mobilizacións,recollidas de sinaturas e actuacións que sexan necesarias para que se repoña o servizo de pediatría.

➡️ Unha vez máis o centro de saúde de Moraña queda sen servizo de pediatría. Hai agora tres anos, en 2018 o noso centro de saúde estivera máis de 70 días sen este servizo, que finalmente e logo dunha gran mobilización veciñal, se repuxera parcialmente, malia que para daquela moitas veciñas e veciños decidiran utilizar o servizo de pediatría do concello veciño de Caldas de Reis

.➡️De novo moitas usuarias e usuarios deste servizo en Moraña contactaron co BNG indicándonos que xa non hai servizo de pediatría en Moraña e que están derivando a todas as crianzas ao servizo de Caldas, moi maltratado tamén polos recortes do Partido Popular na sanidade pública en xeral e na atención presencial da mesma en particular

.➡️Para o BNG de Moraña o servizo de Pediatría existente no noso concello é fundamental e moi necesario, e así o entende tamén a poboación afectada, moi pendente e preocupada estes días por este feito. Dende o BNG somos conscientes dende hai anos que as verdadeiras intencións do goberno da Xunta do Partido Popular son destruír e demoler a nosa sanidade pública, castigando aos poucos o servizo ata que ás veciñas e veciños non lles quede outro remedio que acudir a citas privadas, cuestión que moitas familias nin tan sequera se poderían permitir

.➡️En palabras do voceiro municipal Marcos Suárez “esta é unha nova agresión aos nosos dereitos. Non podemos perder cada dous ou tres anos un servizo tan importante como o depediatría no noso concello, non podemos permitir que o Partido Popular continúe a esnaquizar a nosa sanidade”. Suárez explica que “ante esta situación dende o BNG vimos de iniciar unha campaña na demanda da restitución deste importantísimo servizo no centro de saúde, así como a continuación da campaña pola volta á atención primaria”

.➡️ O voceiro municipal explica que “dende o BNG rexistraremos nas vindeiras horas unha moción para debate urxente no pleno municipal e tamén un escrito dirixido á Xunta de Galiza para reclamar o que é un dereito fundamental, o dereito á saúde e a unha atención adecuada deste servizo público básico”

.➡️ Suárez tamén fai un chamamento ao “goberno municipal do señor Cela a que deixe de estar desaparecido e sentado no sillón e se preocupe e actúe a este respecto. Pedímoslle ao PP de Moraña que non asuma sen máis o desmantelamento de servizos imprescindibles do noso concello e que presione todo o posible ao Sergas e ao goberno amigo da Xunta para revertir estes recortes” asegura o concelleiro nacionalista

.➡️ De continuar esta situación nos vindeiros días chamaremos dende o BNG á veciñanza a secundar todas as mobilizacións, recollidas de sinaturas e manifestacións necesarias que se poñan en marcha para revertir este novo recorte no noso centro de saúde no caso de que o SERGAS non ofreza unha solución inmediata.

Por uns servizos públicos de calidade! A sanidade é un dereito, non un negocio!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.