O PP propón un auténtico golpe de estado

A proposta do presidente do PP, Mariano Rajoy, de “elección directa de alcalde” implica “a negación do pluripartidismo coa intención de impoñer a ditadura da minoría fronte á maioría social que vota nas urnas a forzas políticas que poden pactar entre elas para gobernar un concello con total lexitimidade”, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence.

“A lista máis votada pode ser minoría nunha cámara cunha pluralidade de partidos e entón, con que apoios vai gobernar un alcalde que estea en minoría na cámara municipal?”, pregúntase Vence, quen lembra que o réxime electoral español non é presidencialista.

“Son as cámaras lexislativas e municipais as que elixen quen ocupa a Presidencia e quen ocupa a Alcaldía, tamén a través de pactos democráticos e lexítimos entre diferentes forzas políticas. Sería inconcibible que o PP cambiase unilateralmente este principio en beneficio propio”, alegou.

“O democrático é que o Alcalde e o goberno do Concello conte co respaldo da maioría social, sexa esta expresada a través dun ou en varios partidos”, afonda Vence. “O voto dunha persoa ten o mesmo valor, tanto se vai a lista máis votada como se vai a outras opcións que sumadas constitúen unha maioría social”, recalca Vence, quen salienta que chegar a pactos “é unha práctica non só democrática senón politicamente saudable”. (Ler máis)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.