Comunicado urxente do BNG Moraña
Moraña, 17 setembro de 2020
Dende o BNG de Moraña queremos en primeiro lugar desexarlle a mellor das sortes no plano persoal a Luísa Piñeiro.
A nosa organización lamenta e considera un fraude que só un ano despois de asumir un novo mandato como Alcaldesa abandone Moraña, aos seus votantes e sobre todo deixe na estacada ao conxunto da veciñanza. O “Moraña sempre”, que foi o máximo compromiso electoral do PP nas pasadas municipais, resultou ser un slogan baleiro e enterrado para sempre un ano despois.
Piñeiro deixa un goberno do que sempre foi, aparencias e formalidades aparte, a única integrante real asumindo de facto dende o primeiro día as competencias do resto de concelleiros/as de goberno, un goberno malo do que só podemos resaltar durante este ano a falta de iniciativa, o incumprimento sistemático dos acordos plenarios, a absoluta falta de comunicación e diálogo e a actuación tarde e a remolque durante os peores meses da pandemia.
Dende o BNG agardamos coñecer canto antes quen ocupará agora o cargo de Alcalde/Alcaldesa así como a disposición e reorganización do goberno local ao que demandamos dende xa traballar intensamente con Moraña, con adicación, humildade, transparencia e rigor na xestión. Para nós Moraña sempre foi, é e será o máis importante.