O BNG LAMENTA A FALTA DE INICIATIVA DO GOBERNO MUNICIPAL DURANTE ESTE VERÁN

          O BNG de Moraña lamenta a inacción e a falta de iniciativa do goberno municipal presidido pola señora Luisa Piñeiro. A organización nacionalista lembra que o Partido Popular anunciara nas redes sociais oficiais do Concello unha  planificación de actividades no eido social e cultural para os meses de verán respectando as normas e recomendacións sanitarias provocadas pola pandemia, que ao final resultou inexistente e da que tampouco hai novas de producirse durante este mes de setembro.

            O voceiro municipal do BNG Marcos Suárez lamenta a “absoluta deixadez dun goberno paralizado e desaparecido durante todo o verán. Un goberno – lembra Suárez – que unha vez máis é pura propaganda e pouco máis, xa que anunciaba hai tres meses que realizaría unha completa programación cultural que ao final non existiu nin se levou a cabo.

             Suárez lembra que o grupo municipal do BNG “xa presentara  o pasado 6 de maio a este respecto unha serie de propostas entre as cales estaba a planificación e creación dunha axenda de actividades, concertos e outros eventos de pequeno formato dende xuño a setembro descentralizada a todas as parroquias promovendo entre outras as actuacións de artistas e agrupacións locais sempre tendo como obxectivo principal preservar a seguridade de todas e todos os veciños/as e artistas e respectando polo tanto todas as restricións e recomendacións sanitarias xeradas pola pandemia.

            Para o grupo nacionalista esta medida era chave para contribuír a fixar poboación no noso concello durante os meses de verán, ofrecer ocio alternativo dentro do concello a todas as veciñas e veciños  e tamén aos visitantes que pasaron por Moraña, e ademais para contribuír a dinamizar con todas estas actividades as nosas parroquias e tamén o noso comercio e hostalería locais.  Por iso, asegura Suárez, que “é unha mala noticia que o goberno municipal non sexa quen de levar adiante unha sinxela programación cultural  aproveitando e redistribuíndo partidas orzamentarias destinadas a outras festas que quedaron libres neste 2020. O voceiro municipal do BNG recorda que concellos como o de Caldas ou Barro realizaron durante todo o verán este tipo de actividades culturais, musicais ou teatrais, tendo por exemplo neste último  ata un total de 15 repartidas por todas as súas parroquias, o que para Suárez é “un bo exemplo dun goberno que traballa para fixar poboación e poder facer vida e ocio dentro do concello e non só un goberno como o de Moraña que está para a propaganda e as fotos nas redes sociais”

     O grupo municipal do BNG non só censura a deixadez neste eido senón a completa inacción do goberno municipal nos últimos meses pois este continúa sen traballar nin levar a cabo iniciativas e medidas, entre elas as presentadas polo grupo municipal nacionalista e aprobadas en pleno como a creación inmediata dunha aula Wifi ou a implementación das  `Propostas para a Reactivación social de Moraña` un paquete con 6 medidas  medidas para atender a situación vulnerable de centos de familias do noso concello nestes tempos de COVID-19 co obxectivo de que ninguén quede atrás na crise económica que xa estamos padecer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.