2014: un ano máis construíndo un futuro mellor para Moraña

Marcos Suárez RedondoMarcos

Voceiro Municipal do BNG-Moraña

————————————

Durante o 2014 os homes e mulleres que formamos parte do BNG de Moraña participamos activamente da vida social, cultural e política do noso concello e estivemos a carón d@s veciñ@s visitándoos nas parroquias e celebrando diversos actos abertos sobre cuestións e problemáticas que afectaban ao conxunto dos habitantes do noso concello.

Máis alá do imprescindible traballo na rúa e nas parroquias o BNG de Moraña foi,  un ano máis e con moita diferencia, o grupo municipal que máis actividade e traballo desenvolve nas comisións e plenos municipais e practicamente o único que presenta iniciativas e propostas nestas sesións. Cómpre salientar que durante o xa rematado 2014 o goberno municipal tan só convocou 7 plenos, 6 ordinarios e un extraordinario, nos cales presentamos   16 mocións e un total de 74 preguntas, iniciativas, demandas e solicitudes arredor dos máis diversos aspectos de control ao goberno e tamén de problemáticas e outras cuestións que afectaban aos veciños/as.

Grupo Municipal BNGDas 16 mocións presentadas, e que foron aprobadas un 90% delas ainda que lamentablemente o goberno do PP as incumpre de xeito sistemático, destacan a moción para a modificación do proxecto de urbanización do centro de saúde que pretendía o PP, a moción referida ás cotas mensuais de ensinanza establecidas na O.R. Do prezo público pola prestación de servizos da Escola Municipal de Música; a moción para a revisión da facturación do consumo eléctrico; a moción para garantir asistencia sanitaria aos veciños que saian máis de 90 días do estado, a moción por unha Moraña limpa ou moción para mellorar a seguridade vial no EP-0018 que pasa pola Amil; a moción contra a suba das tributacións das persoas autónomas e pequenas empresas, e xa no eido máis xeral a moción de apoio ás mulleres e pola derrogación das leis contra elas.

No tocante ós rogos e preguntas, afondamos en diversos temas de actualidade do concello preguntando e propoñendo iniciativas e propostas de mellora e solución dos mesmos. Propuxemos a creación dun plan de mellora das infraestruturas viarias locais para 2015 ao comprobar que moitas das nosas estradas están intransitables e precisan de novos pavimentos e limpezas. Incidimos tamén en temas tan importantes como os orzamentos, polos cales preguntamos en cada un dos cinco plenos, orzamentos que a día de hoxe continua sen presentar o grupo de goberno. Outro dos temas nos que afondamos en tódolos plenos foi o aumento do canon de SOGAMA, tasazo que o pleno, tras acordo unánime (nunha moción do BNG), acordou buscar alternativas para non pagalo e batallalo social e políticamente Preguntamos insistentemente por diversas cuestións relacionadas co PXOM aprobado pola vía rápida e feito a correr e tamén preguntamos e denunciamos a nova suba encuberta dos impostos a finais de 2014 co catastrazo e a falta de transparencia e vergoña do goberno do PP a este respecto tamén.

Así mesmo fixemos preguntas e denuncias sobre a situación e solicitamos para mellorala de: varias estradas e camiños do concello pendentes de arranxar como a estrada Mane-Cornide, a estrada de Santa Xusta; o estado da senda peonil do buelo-alberguería, a reparación de varios viais da parroquia de Barosela, o estado da fonde de Redondoneo e tamén o estado de obras prometidas e non feitas ou alongadas no tempo como a Ponte dos Portiños ou a prometida Pista deportiva na Amil. Tamén incidimos e preguntamos continuamente polo estado do Saneamento en diversos puntos do concello, así como no saneamento prometido en 2013 e non realizado nos lugares de Apedrado e nunha casa de Sabadín; do estado da obra “faraónica” da rúa 1 da que prometían rematar hai meses e ainda non rematou; do estado defectuoso que ofrecían a maioría dos postes que ofrecen luz pública ou da perigosa situación das columnas do pavillón do colexio, finalmente arranxadas despois da nosa solicitude. Tampouco nos esquecemos de que o goberno municipal se despreocupou de dotar de luz durante ano e medio, ata finais do pasado mes de xullo, á rotonda de entrada en Sta Lucía pola Alberguería sabendo o risco que esta cuestión conlevaba na seguridade das persoas que circulaban por ela e tamén a pesar daqueles esaxeradísimos 37.000 euros destinados á citada rotonda. No pleno do mes de xullo preguntamos tamén polos gastos previstos nesta edición da festa do Carneiro ó Espeto, xa que o ano pasado ascenderon a 147.000 euros (sendo o presuposto de 120.000); exemplo claro e contundente da pésima xestión das contas públicas por parte deste goberno municipal. A este respecto, preguntamos no pleno de outubro polo custe real da colocación das esculturas na rotonda da Chociña, da que a Alcaldesa prometera o “custe cero para os veciñ@s” e da que puidemos comprobar que, lamentablemente, o custe final para o concello foi de 7.612,43€, o que constitúe unha desfeita, un verdadeiro escándalo máis na pésima xestión deste goberno municipal.

Neste novo ano 2015 continuaremos a facer o mesmo que fixemos nos tres anos anteriores, é dicir, estar cos veciñ@s, interactuar con eles e traballar para a mellora da súa calidade de vida e benestar.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.