O BNG PRESENTA UN EQUIPO PARA GOBERNAR MORAÑA

Un equipo para #GobernarMoraña

A organización nacionalista presenta o primeiro tramo da candidatura que concorrerá ás municipais do mes de maio

📌 O BNG Moraña é a primeira organización política en dar a coñecer o equipo de persoas que ocuparán os seis primeiros postos da candidatura ás eleccións municipais do domingo 28 de maio.

📝 Logo de confirmar no pasado mes de outubro que Marcos Suárez sería o candidato á Alcaldía de Moraña, agora dase a coñecer que as persoas que o acompañarán nos primeiros postos da candidatura serán Rubén Monteagudo (concelleiro e actual Responsable Local do BNG), Mariña Búa (concelleira do BNG), Lucía Silva (veciña de Amil e vice-responsábel local), Ruth Caramés (veciña de Laxe) e Diego Oliveira (veciño do Calvo en Rebón). A decisión foi tomada nunha concorrida asemblea local que respaldou o traballo feito polo grupo municipal nacionalista apostando polos seus membros para encabezar un equipo que pelexará pola vitoria electoral o 28 de maio.

➡️ Marcos Suárez, cabeza de lista do BNG, detalla que “este primeiro tramo que presentamos é un equipo para gobernar Moraña. Un equipo de persoas comprometidas que acumulan xuventude, ilusión e futuro, pero tamén unha ampla experiencia no traballo feminista, social, cultural e experiencia e de xestión no ámbio da administración público e sector privado. Suárez continúa relatando que “este equipo para gobernar Moraña está formado por mulleres e homes coñecidas e relevantes no noso concello, plenamente conscientes de que Moraña merece máis e preparadas e ilusionadas para traballar no proxecto de futuro que dende o BNG temos deseñado para imprimirlle un cambio de rumbo a Moraña a partir do 28 de maio”.

➡️ Suárez é consciente de que “a veciñanza está ollándonos con moita atención e agardando unha alternativa seria e fiable para iniciar un novo e necesario ciclo en Moraña, algo que está máis preto ca nunca. Dende o BNG podo asegurarlles que tanto as persoas que formamos o primeiro tramo xunto co resto das 21 mulleres e homes da candidatura formamos un equipo sólido e de garantías para gobernar, xestionar , modernizar e devolverlle o peso político que Moraña perdeu. Estaremos á altura”.♻️ A lista completa do BNG de Moraña, que incluirá varias novidades máis, está previsto que sexa presentada publicamente a todas as veciñas e veciños o domingo 16 de abril nun gran acto público no que o BNG de Moraña xa está traballando e planificando.#PreparadasparaGobernarMoraña#MorañaMereceMáis Moraña, 15 de marzo de 2023 – Imaxes de Cathy Varela ———————

—————–🟣🟣 Breve referencia sobre as persoas do primeiro tramo da candidatura

🔹Marcos Suárez Redondo é o actual Portavoz do BNG de Moraña. Ten 49 anos, veciño de Mos en Saiáns, está casado e é pai de dous fillos. É Enxeñeiro Agrónomo e Enxeñeiro Técnico en Industrias Agrarias e Alimentarias e é funcionario da Xunta de Galicia.

🔹Mariña Búa González, veciña de santa Lucía, ten 30 anos, é Farmacéutica e Dietistanutricionista. Rexenta unha empresa local de cosmética natural. Implicada no movemento nacionalista e no tecido asociativo local dende moi nova.

🔹Lucía Silva Gago, ten 25 anos, veciña de Amil. Taberneira de nacemento, xurista de formación. Foi Secretaria da Comunidade de Montes de Amil. Implicada no movemento nacionalista dende moi nova.🔹Rubén Monteagudo Fernández, ten 37 anos, veciño de Santa Lucía, pai, músico, mestre de educación musical e Secretario Comarcal da CIG-ENSINO. Presidente do Club Acuático Umia. Participa dende moi novo no tecido cultural e asociativo de Moraña e na actualidade é presidente da Asociación cultural Peña Espetados.

🔹Ruth Caramés Blanco, ten 43 anos, veciña de Penagrande na parroquia de Laxe, nai. É licenciada en Bioloxía e posgrao en Enxñería Ambiental e ilustradora gráfica. Foi fundadora de Fabaloba, cooperativa de xestión cultural e dinamización lingüística. Colaboradora do xornal Nós Diario.

🔹 Diego Oliveira Aboy, ten 31 anos, veciño do Calvo en Rebón. É enxeñeiro de Minas e Master en Enxeñería Ambiental. Ampla experiencia no sector medioambiental e na redacción e execución de proxectos tanto do sector público como privado. Deportista aficionado dentro do mundo do ciclismo.

MULTITUDINARIA MOBILIZACIÓN DO POBO DE MORAÑA ANTE OS RECORTES NO CENTRO DE SAÚDE

🗣️ A manifestación desbordou todas as previsións, con máis de 600 veciños e veciñas esixindo nas rúas a fin dos recortes no centro de saúde.

A marcha contou coa presenza do deputado do BNG Luis Bará e a responsabel de política municipal do BNG e veciña de Moraña Eva Villaverde e percorreu as principais rúas do centro urbano de Santa Lucía onde centos de veciñas pediron o fin dos recortes no centro de saúde, clamaron contra a ampliación do mesmo e pola resposición urxente das vacantes médicas. Xa diante do Concello, onde remataba a manifestación, Rubén Monteagudo, responsábel local do BNG pedía un calusoro aplauso e apoio aos traballadores/as do centro de saúde lembrando que “nunca e en ningún caso teñen eles/as a culpa”. Pola súa parte Carmen Fariña, veciña de Moraña e traballadora do SERGAS, foi quen leu o manifesto final lembrando cronoloxicamente todos os recortes que levan sufrindo dende hai anos a veciñanza de Moraña, nomeadadmente a perda do pediatra, da matrona e a ausencia constante de médicos/as, o que leva a que centos de usuarios do centro leven máis de 5 meses sen médico/a asignado e polo tanto, sen poder obter unha cita para atención primaria.

O voceiro municipal do BNG Marcos Suárez remataba o acto agradecendo a labor dos profesionais sanitarios e a presenza activa do PSDeG de Moraña, lamentando así mesmo a flagrante ausencia do Alcalde de Moraña, quen, en palabras de Suárez “carece de empatía e respecto ás veciñas e veciños, non só por non vir, senón polas manifestacións feitas nas últimas horas”. Suárez rematou lembrando o orgullo de vivir en Moraña e dunha veciñanza “que non cala nin outorga, unha veciñanza que está en pé e que hoxe dixo abonda, nun mensaxe claro e contundente ao Partido Popular, Xunta e Sergas“.

A mobilización foi unha das maiores na historia de Moraña, só comparada ás realizadas hai máis de 20 anos contra o Encoro.


📸 Galería de imaxes: https://www.facebook.com/bngmorana/posts/pfbid0rob3rU3o5rSzCi7rZhTWfHxEktRWx3ChvBU3ajDydEo5uzi2n96HJcLCzmPULGB7l

O BNG ESÍXELLE AO SERGAS A URXENTE REPOSICIÓN DO SERVIZO DE PEDIATRÍA EN MORAÑA

O BNG chamará á veciñanza a secundar todas as mobilizacións,recollidas de sinaturas e actuacións que sexan necesarias para que se repoña o servizo de pediatría.

➡️ Unha vez máis o centro de saúde de Moraña queda sen servizo de pediatría. Hai agora tres anos, en 2018 o noso centro de saúde estivera máis de 70 días sen este servizo, que finalmente e logo dunha gran mobilización veciñal, se repuxera parcialmente, malia que para daquela moitas veciñas e veciños decidiran utilizar o servizo de pediatría do concello veciño de Caldas de Reis

.➡️De novo moitas usuarias e usuarios deste servizo en Moraña contactaron co BNG indicándonos que xa non hai servizo de pediatría en Moraña e que están derivando a todas as crianzas ao servizo de Caldas, moi maltratado tamén polos recortes do Partido Popular na sanidade pública en xeral e na atención presencial da mesma en particular

.➡️Para o BNG de Moraña o servizo de Pediatría existente no noso concello é fundamental e moi necesario, e así o entende tamén a poboación afectada, moi pendente e preocupada estes días por este feito. Dende o BNG somos conscientes dende hai anos que as verdadeiras intencións do goberno da Xunta do Partido Popular son destruír e demoler a nosa sanidade pública, castigando aos poucos o servizo ata que ás veciñas e veciños non lles quede outro remedio que acudir a citas privadas, cuestión que moitas familias nin tan sequera se poderían permitir

.➡️En palabras do voceiro municipal Marcos Suárez “esta é unha nova agresión aos nosos dereitos. Non podemos perder cada dous ou tres anos un servizo tan importante como o depediatría no noso concello, non podemos permitir que o Partido Popular continúe a esnaquizar a nosa sanidade”. Suárez explica que “ante esta situación dende o BNG vimos de iniciar unha campaña na demanda da restitución deste importantísimo servizo no centro de saúde, así como a continuación da campaña pola volta á atención primaria”

.➡️ O voceiro municipal explica que “dende o BNG rexistraremos nas vindeiras horas unha moción para debate urxente no pleno municipal e tamén un escrito dirixido á Xunta de Galiza para reclamar o que é un dereito fundamental, o dereito á saúde e a unha atención adecuada deste servizo público básico”

.➡️ Suárez tamén fai un chamamento ao “goberno municipal do señor Cela a que deixe de estar desaparecido e sentado no sillón e se preocupe e actúe a este respecto. Pedímoslle ao PP de Moraña que non asuma sen máis o desmantelamento de servizos imprescindibles do noso concello e que presione todo o posible ao Sergas e ao goberno amigo da Xunta para revertir estes recortes” asegura o concelleiro nacionalista

.➡️ De continuar esta situación nos vindeiros días chamaremos dende o BNG á veciñanza a secundar todas as mobilizacións, recollidas de sinaturas e manifestacións necesarias que se poñan en marcha para revertir este novo recorte no noso centro de saúde no caso de que o SERGAS non ofreza unha solución inmediata.

Por uns servizos públicos de calidade! A sanidade é un dereito, non un negocio!

O BNG CUALIFICA DE PERDA DE TEMPO OS PRIMEIROS 6 MESES DE XESTIÓN DO NOVO ALCALDE DE MORAÑA

Moraña, 13 de abril de 2021.

O BNG de Moraña lamenta a perda de tempo que significaron para Moraña estes primeiros seis meses de goberno “continuísta” do señor Cela. O Grupo nacionalista lembra a sensación que ten a maioría da cidadanía sobre este goberno do Partido Popular, unha sensación de parálise e despreocupación total e de falta absoluta de presencia e resolución dos problemas e prioridades de Moraña “Con esta opinión tan estendida no noso concello queda claro que os gobernos do partido Popular en Moraña tocaron fondo” asegura o voceiro do grupo municipal do BNG, Marcos Suárez.

Suárez afirma que “aínda que o cambio de goberno gañou no diálogo, o xeito de actuar segue sendo o mesmo”. Lembramos por exemplo “a creación da AulaWifi, unha proposta do BNG que se aprobou no primeiro mes de novo mandato e que se nos explicou que se faría realidade en 2-3 meses, e a día de hoxe os nosos estudantes e resto de persoas que preparan probas seguen sen ter a posibilidade dun acceso digno e dun lugar seguro e tranquilo para o estudo”

No inicio do seu mandato, o actual Alcalde explicaba que as obras ían ser “unha prioridade para o goberno do PP”. Seis meses despois tivemos que asistir ás protestas de ducias de veciños e veciñas, incluso de lugares enteiros que en pleno século XXI aínda seguen sen servizos públicos básicos como o saneamento, cuestión á que o Alcalde dá portazos día tras día dicindo que “non hai cartos”. O PP só se preocupou neste tempo do rescate, por un importe de 115.000 euros dunhas parcelas urbanísticas da rúa 7 produto dunha fallida operación urbanística privada.

Suárez tamén lembra que “a día de hoxe, o noso concello dispón de dúas obras paralizadas e das que nada se sabe: as do campo de Fútbol de Mirallos, previstas para ser rematadas en xuño de 2020 e a unidade de atención ao Alzhéimer en Alende, tamén prevista para rematar hai agora un ano e da que o goberno municipal non foi quen de traballar para desatascar e levar a cabo dende o mes de outubro”. “O Partido Popular tampouco estivo a carón do tecido social, xa que non foi quén de ter ideas propias e traballar conxuntamente cos diferentes sectores. Deste xeito a única axuda directa que recibiu o tecido asociativo parte dunha proposta do BNG dentro dun paquete presentado pola nosa organización chamado `Reactivar Moraña` de maio de 2020”, indica o voceiro nacionalista.

“O goberno do señor Cela,- indica Suárez – “ tampouco axudou en nada a paliar a grave terceira onda que afectou a Moraña, sen atender as demandas xeralizadas da poboación a realizar un cribado masivo no peor momento da pandemia. O Goberno municipal estivo ausente e sen ofrecer ningún tipo de información diaria nas canles comunicativas oficiais dos casos COVID19, previsións e medidas a tomar”

Suárez tamén lamenta “non sabermos nada das actuacións prometidas electoralmente polo PP. Non foron quen de avanzar nada nos proxectos que presentaron como fundamentais para este mandato, como son a Recuperación e adecentamento da área da Pontenova no entorno do Río Umia, a posta en valor da explanada de Mos ou a rede de fibra óptica en todos os núcleos de poboación”.

Suárez tamén lembra que “o goberno do PP segue sen adoptar medidas para tentar frear a perda de poboación acelerada que está padecendo o noso Concello, cuestión que continúa ser unha sangría xa que nos últimos 9 anos en Moraña hai 355 habitantes menos. Tamén temos que lamentar a completa desaparición da programación cultural no noso concello, unha cuestión máis necesaria ca nunca nestes tempos, nos que se podían realizar actividades, sempre cumprindo coa normativa COVID e cos horarios de toque de queda para dinamizar as parroquias e axudar tamén ao tecido cultural do noso concello”.

En definitiva, para o BNG de Moraña estes seis meses foron unha absoluta e lamentable perda de tempo. Moraña está padecendo un goberno de parálise absoluta, un goberno en decadencia e sen proxecto político de futuro para o noso Concello.

Asina pola recuperación da atención presencial en moraña

Asina aquí

——

      Esta pandemia ocasionada polo COVID-19 puxo ao límite o noso sistema sanitario. Puxo en evidencia o preciso que é investir en saúde, todo o contrario ao ocorrido nos últimos anos. A pandemia puxo de relevo que precisamos un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recortes, que permita responder ás necesidades de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte con recursos para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan en cada momento e estar ben dimensionado para abordar as emerxencias sanitarias cando xurdan.

     Diante da pandemia a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia presencial tal como pasa no centro de saúde de Moraña e nos PACs, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais. A decisión que tomou o SERGAS foi que a atención se centrara preferentemente na consulta telefónica, cuestión que está ocasionando moitas dificultades tanto aos profesionais para poder prestar a asistencia sanitaria como no acceso da poboación á mesma, xa que os profesionais están sobrecargados de traballo e cun esgotamento físico e mental insoportable e os veciños/as estamos a soportar colapsos habituais e diarios no teléfono do centro, colas á intemperie para acceder ao centro e listas de espera de varios días, entre sete e dez na actualidade, para conseguir só unha cita telefónica.

    As persoas abaixo asinantes consideramos que a resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as restricións de acceso á asistencia ao sistema público, porque supón un claro risco para a saúde da poboación.Esta situación pode levarnos a un problema de saúde colectiva, de cronificación de patoloxías,de atención tardía...É preciso desconfinar a sanidade pública e reactivar a atención presencial con máis persoal,máis información e máis accesibilidade. É preciso dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías. Por todo isto demandamos á Xunta de Galicia a: 

• .- Realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial no centro de saúde de Moraña para dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación. 


• .- Aumentar no noso centro de saúde o número de profesionais que sexa preciso para permitir aumentar o tempo e a calidade da atención asistencial así como incorporar as categorías profesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral: psicólogos/as clínicos e/ou psicólogos xerais sanitarios, nutricionistas, terapeutas ocupacionais, logopedas, podólogos/as..

Web do Bloque Nacionalista Galego de Moraña