O novo blog do BNG de Moraña

MarcosComo Portavoz Municipal do BNG douvos a benvida a este espazo que creamos na rede coa finalidade de transmitir o noso traballo, as nosas opinións e tamén de informarvos de primeira man arredor da actualidade do noso Concello.

Alén da nosa activa presenza na rede social Facebook, cun perfil que supera xa os 500 “amigos” e dende o cal ata o de agora colgabamos toda a información dos plenos, actualidade, novas, etc, queremos que esta nova ferramenta que poñemos dende hoxe á vosa disposición se constitúa nun lugar para o diálogo e interlocución con tod@s @s veciñ@s de Moraña. Unha ferramenta na que se visualice sinteticamente o traballo que o BNG fai a cotío en Moraña, xa sexa no ámbito institucional ou tamén no político e social. Agardo polo tanto, que este espazo virtual sexa unha contribución útil para facer unha Moraña mellor e con FUTURO.

Como non podía ser doutro xeito, neste mandato o BNG ten presentado moitas iniciativas para desenvolver no noso Concello, ao tempo que ten presentado propostas e accións para combater aquelas políticas que negativamente lle están afectando aos cidadáns do noso Concello. Así mesmo, dende o BNG convocamos varios actos e asembleas informativas abertas para dar resposta a diversas agresións nas que se viron afectad@s moitos dos nosos veciños e veciñas, como por exemplo:

  • as xuntanzas informativas que fixemos dirixidas aos Afectados pola preferentes e subordinadas e para os Emigrantes retornados, aos que a Axencia Tributaria trata de estafadores;
  • o acto realizado para explicar o novo RE-pago imposto polo PP na sanidade pública;
  • o acto no cal explicamos as consecuencias da reforma laboral do PP,
  • os actos informativos para explicar a nosa postura ante o PXOM e informar de xeito particular sobre as dúbidas que tivesen @s veciñ@s;
  • ou as asembleas abertas nas que se informou aos veciñ@s das repercusións do novo convenio do lixo.

Unha vez máis douvos a benvida a este blogue e convídovos a que entredes de xeito periódico nel e participedes activamente con calquera suxestión, crítica, colaboración, petición ou calquera outra cuestión tanto no blogue como no noso perfil en facebook, na conta de correo e, por suposto, na rúa.

Un saúdo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.