Hoxe: Asemblea Aberta coa Mocidade de Moraña

O BNG de Moraña está levando a cabo unha serie de accións co obxectivo de establecer espazos estables de colaboración e interacción coa súa base social e con outros sectores que cren que é necesaria unha alternativa á realidade política que nos rodea.

Un dos sectores clave neste proceso é, sen dúbida, a MOCIDADE, xa que representa a parte máis crítica, reivindicativa e sensible aos acontecementos sociais e políticos que se producen no país.

Pero tamén, a día de hoxe, un dos espectros da sociedade onde máis dano está facendo a crise e as decisións políticas relacionadas con ela.

Todos e todas estamos sendo testemuñas, de maneira máis directa ou indirecta, do novo éxodo que se está producindo entre a xente nova cara ao estranxeiro. Cuestión esta que supón, ademais do drama persoal e familiar, a perda da man de obra máis formada da historia que se vai producir e xerar riqueza a outros países e que supuxo un forte investimento tanto por parte das familias coma do propio Estado.

Non existen políticas específicas dirixidas á mocidade, o paro afecta a máis da metade da poboación nova deste país, as taxas universitarias soben, as bolsas baixan, o ensino empeora, as mínimas opcións de traballo existentes prodúcense en situación cada vez máis precaria…Se a isto lle sumamos a situación sociopolítica xeral de limitación de dereitos (individuais e colectivos), de falta de democracia,  represión…, queda claro que a mocidade é o dos colectivos máis maltratados da sociedade galega.

Neste contexto é no que o BNG de Moraña decide impulsar unha asemblea aberta á xente nova onde se poida establecer un foro de opinión, debate ou protesta, para que todos aqueles/as que queiran intervir o poidan facer libremente, sen importar siglas, militancias ou ataduras. Simplemente coa idea de recoller opinións, inquedanzas, críticas ou calquera suxestión que poida ser útil para artellar instrumentos ou solucionar problemas xerais ou puntuais.

Unha maneira de establecer fórmulas de relación que permitan trasladar e escoitar mensaxes,  de reivindicar e de participar na vida pública, de facer e falar de política sen máis, pero con maiúsculas; unha maneira de establecer canles de participación directa. En resumo: dignificar a POLÍTICA e fortalecer a DEMOCRACIA desde a base.

Por todo isto, consideramos moi importante e enriquecedor conseguir unha ampla participación que demostre que en Moraña existe unha mocidade consciente, preocupada, reivindicativa e democrática. Unha mocidade á que o BNG quere e debe escoitar e á que tamén lle gustaría trasladar as súas posicións naqueles temas onde así se considere. As propostas están enriba da mesa e o debate aberto:

  • Ensino público/privado.
  • Sanidade pública/privada.
  • Servizos sociais.
  • Galego.
  • Reforma local/democracia.
  • Política: partidos políticos, sindicatos, organización, proxectos, participación…
  • Austeridade: verdadeiro ou falso?
  • Dereito a decidir: democracia, solución?
  • Que pasa en Moraña?
  • […]

Estas son algunhas das múltiples propostas que se poden abordar e que son un mero exemplo do moito do que podemos debater, o que ocorra esta noite dependerá unicamente do que a xente nova de Moraña teña a ben decidir.

 

Eva Villaverde (R.L. do BNG-Moraña)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.