Solicitudes, demandas e preguntas ao goberno municipal no pleno do 6-F

No pleno do pasado venres 6 de febreiro fixemos un total de 12 solicitudes, preguntas e demandas ao goberno municipal que nos achegaron moit@s veciñ@s sobre diversos temas de importancia en varias parroquias e lugares do noso concello, desta volta lugares como a Bouza, Corrigatos, As Laxes, Alende, Portamos, Conles ou a Igrexa-Lamas. Tamén solicitamos melloras en aspectos e cuestións referentes ao noso concello e ao benestar d@s veciñ@s. Deixámosvos aquí a relación das interpelacións ao grupo de goberno do PP:
1. Recollida de lixo nos días de “Feira”
Insistimos unha vez máis na necesidade de adoptar medidas sobre a recollida de lixo os días de feira.

2. Elevado ruído no Pavillón vello
Preguntámoslle á alcaldesa se ten coñecemento das queixas por elevado ruído que se dá no pavillón vello, e se se adoptaron medidas ao respecto.

3. Estado da senda peonal Campenlos-Alende
No tramo que pasa pola Bouza esta senda non discurre recta tal e como aprece no proxecto aprobado. Preguntamos se hai autorización de variación do proxecto, neste caso, a que se debe, e quen o autorizou.

4. Queixas en Corrigatos por malos cheiros procedentes do saneamento
Constatamos varias queixas neste lugar por malos cheiros procedentes do saneamento, queremos saber se o concello ten constancia e actuou coas medidas oportunas ao respecto.

5. Estado do bombeo de saneamento na Chociña
Este bombeo está a funcionar mal e verque directamente. De novo preguntamos se o goberno municipal está ao tanto deste problema e actuará ao respecto.

6. Verquidos directos en Alende
Constatamos tamén que no lugar de Alende existen verquidos directos do saneamento, polo tanto solicitamos medidas urxentes ao respecto.

7. Estado dun muro de contención na Laxe
No lugar de Laxe (Santa Xusta) hai un muro de contención que presenta unhas grietas polas que se acumulan augas pluviais. Solicitamos un informe para valorar a situación e determinar a súa perigosidade.

8. Bombeo de Portamos
A alcaldesa afirmou que o bombeo neste lugar estaría executado a mes de Xaneiro. Preguntámoslle a que mes de xaneiro se refería xa que todos pensamos que era o de este ano…

9. Previsión no vial casal-conles
Solicitamos información sobre a previsión que hai para iniciar a reparación do vial casal-conles, xa que comprobamos que esta semana estivo visitando o director da obra.

10. Curva de Barro
Tamén queremos saber se se iniciarán as obras da curva de barro no mes de febreiro. A este respecto preguntamos tamén se se actuará sobre a estabilización do talude xunto á de “Ricardo dos Outeiros”.

11. Situación dos camiños no lugar da igrexa-Lamas
Comprobamos que o PP xa está en campaña, anunciando plans de mellora de camiños. Polo tanto queriamos preguntarlle a este goberno se coñecía por exemplo, a situación dos camiños no lugar da Igrexa-Lamas. Actuacións ou só anuncios preelectorais?.

12. Acordo de compra de parcela
Por último, preguntamos a que se debe un acordo de compra dunha finca por parte do Concello. Temos dúbidas de que este feito non sente un precedente negativo con outros veciños, xa que a uns se lles compra e a outras pídeselle cesión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.