Rubén Fernández Monteagudo, reelixido responsábel local do BNG

O BNG-Moraña realizou este pasado sábado a súa asemblea local no seu local de Santa Lucía na que tomaron parte militantes e simpatizantes da organización. Nela a anterior dirección expuxo o balance de traballo realizado durante o ano 2016 e produciuse un intenso e produtivo debate arredor das liñas  e estratexias de traballo a seguir durante os vindeiros meses.

Ademais, a asemblea local reelixiu  por unanimidade a Rubén Fernández Monteagudo, veciño de Santa Lucía, (Saiáns) de 31 anos, como responsábel local. A dirección da organización nacionalista completouse coa elección dous vice-responsábeis locais: Susana Fuentes, de 46 anos veciña de Laxe e Diego Oliveira, mozo de 25 anos  veciño de Rebón.

 

En palabras de Rubén Fernández,     os dous obxectivos da dirección da organización para os vindeiros meses son, por unha parte, “visualizar, poñer en positivo ante os veciños que o BNG continúa máis activo ca nunca, atento, preocupado e listo para dar alternativas aos seus problemas,  isto é, achegarse máis a carón dos colectivos sociais e veciñais e a tódalas parroquias para non só escoitar aos nosos veciños/as senón entendelos”. Ademais Rubén Fernández  afirmou ante a asemblea o obxectivo de fortalecer internamente a organización impulsando unha maior  participación dos militantes e simpatizantes e sumar ao traballo diario do BNG de Moraña a toda a xente, en especial á xente moza que se está achegando e que xa fai parte hoxe mesmo desta asemblea.

O responsábel local do BNG  tamén afirmou que a organización está no bo camiño” e apóiase nesta tese grazas á comprobación sobre a asistencia á mesma asemblea local pero tamén á “sinal continúa de molestia pero tamén referencia para o PP de Moraña sobre o resto da oposición a respecto  do noso traballo. Molestámoslle, somos a súa referencia na oposición, só hai que ver todas as súas declaracións, entrevistas, desenvolvemento dos plenos e incluso certas actitudes, e ese recoñecemento é implicitamente sinal inequívoca de que estamos na boa liña” asegurou Rubén Fernández.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.