POR ISO SOMOS NACIONALISTAS

Eva Villaverde
Eva Villaverde

Estamos nun momento difícil: de ataques, de roubos, de prohibicións, de recortes, de desinformación, de imposicións…
Un momento no que homoxeneizar e igualar parece que é virtude: as linguas, as culturas, as persoas, as mensaxes… e tamén as organizacións política Un momento no que interesa conducir ás persoas cara ao pensamento único, cara á idea de que só existe unha saída, de que só vale unha maneira de facer as cousas, de que non hai alternativas, de que non hai ideoloxías, de que fóra deste pensamento está o abismo…

Pero non vos deixedes enganar. Isto non é de agora. Isto é unha estratexia de longo percorrido cuxo obxectivo non é outro que o de manter o status quo, o de seguir no poder para manexar as marionetas que gobernan en beneficio duns poucos. Unha maneira moi doada de conseguir que a cidadanía encha os petos dos poderosos a costa dos seus propios, a costa da fame e precariedade da maioría, pero autoconvencidos de que o fan en exercicio da súa propia liberdade e da democracia, ou cando menos, en ausencia de conflito, porque “total, dá igual…”

Contra isto, só cabe concienciarse e rebelarse. Debemos buscar alternativas que persigan a xustiza social, o contrario do que están conseguindo as políticas do Goberno do Estado, da Xunta e tamén deste Concello. Hai que baixarse do coche que outro conduce e que nos leva por un camiño que outro tamén trazou, e preguntármonos se esa é a dirección que queremos seguir. Pensemos, valoremos, analicemos a realidade e a información e tomemos decisións en base ao que é xusto e non ao que os demais nos din. ¡Actuemos! Hai instrumentos para facelo: na rúa, mobilizándonos e loitando polo que é noso; nas organizacións políticas e sociais, porque só organizándonos e de maneira colectiva teremos forza para transformar a realidade; nas institucións, apoiando a quen nos demostre que está ao noso lado, defendendo os intereses das maiorías, traballando para que se escoite a nosa voz.

Chegado este momento darémonos conta de que non estamos sos. De que día a día hai persoas que loitan por cambiar as cousas, por pequenas que sexan. Que cren que a riqueza está no benestar social, na calidade do ensino público e da sanidade, na liberdade de dicir e opinar, na capacidade de decidir sobre nós mesmos, como persoas e como pobo. Que saben que a virtude está no respecto, na diversidade, nas diferenzas, na pluralidade. Que están convencid@s de que algún día nos decataremos de que somos máis e mellores, de que o poder está na clase traballadora, na xente do mar, nos autónomos, nas mulleres e na mocidade, naquel@s que non engrosan os beneficios dos bancos, pero que co seu traballo manteñen este país, dan de comer ás súas xentes, manteñen viva a súa lingua e enriquecen a súa cultura. Por iso traballan, por iso ceden parte do seu tempo, da súa vida, dos seus esforzos. Porque non contemplan que poida existir a felicidade individual fóra do ben común. Persoas que cren na capacidade de Galiza, nos seus recursos, nas galegas e nos galegos. Nelas e na súa maneira de ver o mundo se asenta a propia existencia do Bloque Nacionalista Galego.

Eva Villaverde
Responsable Local do BNG-Moraña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.