Pleno ordinario de outubro: o BNG presenta 4 propostas en forma de mocións

Esta noite, ás 21:30h  está convocado un novo pleno ordinario do concello de Moraña. Dende o BNG-MORAÑA continuamos a ser o único grupo da oposición que presenta medidas e propostas, desta volta en forma de 4 importantes mocións que vos detallamos a continuación:

Moción para a modificación do proxecto de urbanización no entorno do centro de saúde

Propoñemos á Corporación solicitar cos servizos municipais un informe sobre se a actuación a executar ten ca bida conforme  a situación urbanística do concello, dado que a zona de actuación está nun ámbito no que as determinacións do novo planeamento supoñen modificación da ordenación urbanística vixente. Tamén instamos ao goberno municipal do concello de Moraña a redefinir o proxecto de urbanizar e construír aparcadoiros no Contorno do centro de Saúde de Santa Lucía, de xeito que se adecue ao espazo de valor natural da Carballeira da Feira Vella.

 

Moción pola defensa da pluralidade e a participación política e contra a reforma electoral que pretende o PP

Con esta moción demandamos que o Concello de Moraña inste ao Goberno Galego a  manifestar a súa rotunda oposición á proposta de reforma da lexislación electoral formulada polo Goberno do Estado que ten como finalidade que ostente a alcaldía a lista que resulte máis votada, reforzando deste xeito a concentración do poder municipal en órganos unipersoais e vulnerando a expresión do pluralismo político da cidadanía e a súa capacidade de participación e control da xestión pública municipal. Así mesmo tamén instamos a dirixirse ao Goberno do Estado coa finalidade de instar unha modificación do sistema electoral que favoreza unha mellor expresión nos órganos de representación da pluralidade política da cidadanía e unha maior participación no impulso e decisión das políticas públicas.

 

Moción referida ás cotas mensuais de ensinanza establecidas na ordenanza reguladora do prezo público pola prestación dos servizos na ESMU (Escola municipal de música).

Con esta moción instamos a que o goberno municipal, a través da Área de Cultura, estude todas as posibilidades para manter as clases de instrumento individualizadas tal e como se viñan desenvolvendo en cursos anteriores e tal e como demandan a maioría dos pais e nais. Tamén demandamos que, de non ser posible técnicamente o proposto no punto 1, se lle pase a cota que establece a ordenanza aos alumnos/as que se vexan agrupados nas súas clases de instrumento por ser a establecida oficialmente , e non a que defende a Alcaldesa. Por último, demandamos que o goberno municipal volva convocar unha xuntanza á comunidade da ESMU, que dé conta desta moción e que pida desculpas aos pais e nais pola mala información.

 

Moción para solicitar o rexistra o do concello no dominio .gal

      Instamos ao Goberno municipal para que rexistre e active o seu enderezo .gal nos prazos estabelecidos pola asociación que xestiona o dominio galego.

Instamos ó Executivo Municipal para que estableza un plan local de promoción entre as diferentes entidades e asociacións locais co obxecto de que comecen a mudar as súas páxinas web cara o .gal incluído o preceptivo asesoramento para a migración de todos estes enderezos cara a este novo dominio que nos identifica como país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.