O PP de Moraña SÍ APLICA SUBAS DE IMPOSTOS

Ante a mentira e a demagoxia da Alcaldesa na prensa: O PP de Moraña SÍ aplica e permite as subas de impostos.

A subida do recibo de auga, recollida de lixo e sumidoiros en Moraña son desgraciadamente datos obxectivos. Datos que poden corroborar aqueles veciños e veciñas que recibiron nas súas casas os recibos para facer o devandito ingreso. De feito os recibos que se están a pasar incrementan o custe nun 135% ao respecto dos últimos recibos, pois pásase de 70, 25 € a 165,42 €. Ademais, lembramos que o PP aplica os novos tributos aprobados por Lei, que son o canon da auga e coeficiente de vertedura, e que o PP de Moraña aplica sen contemplación e clara obediencia partidista.

O catastrazo tamén se aplicou en Moraña polo PP. Dato que tamén poden contrastar todos os veciños e veciñas que recibiron a taxa de 60 €. Na maioría dos casos das notificacións comunicáronse as valoracións dos ben inmobles, e que supoñerán a suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) en Moraña. A posición obediente do PP contrasta coa doutros concellos, onde non se permitiron actualizacións catastrais, precisamente para evitar a suba do IBI para os veciños e veciñas.

Cómpre lembrar aquel convenio da recollida do lixo que PP pretendeu asinar en Moraña. Naquela situación o PP pretendía acollerse a un convenio no que con menos servizo de recollida pasabamos a pagar 120 €/vivenda. O BNG rexeitouno desde o primeiro momento con contundencia por ser contrario aos intereses dos nosos veciños e veciñas. E ao final ó Partido Popular non lle quedou outra que botarse atrás.

Estas cuestións obxectivas contrastan coa demagoxia que emprega o PP de Moraña, e en particular a Alcaldesa, pois trata de embarrar a política e culpabilizar aos grupos políticos da oposición de trasladar información enganosa. Nós rexeitamos contundentemente e con datos reais este novo intento de engano e manipulación aos veciños e lamentamos a propia confusión que ten a Alcaldesa de Moraña, pois temos que lembrarlle que quen emprega as institucións para subirlle os impostos a veciños e veciñas é o PP., partido político ao que ela e o seu goberno pertencen e do que defenden as súas políticas e decisións con claridade e nitidez, polo que non pode vir agora mirando para outro lado e tratar de embarrar e confundir as cousas e moito menos culpabilizarnos a nós do que o PP aplica no noso Concello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.