O PP de Moraña pretende asfaltar unha Carballeira no núcleo de Sta. Lucía

planocarballeirastalucia-page-001 (1)

 O pasado mes de xullo coñeciamos polos medios de comunicación que a Deputación de Pontevedra concedía 61.000 € ó Concello de Moraña para urbanizar e contruir aparcadoiros no contorno do Centro de Saúde de Santa Lucía.

Consultado o expediente da citada axuda e o correspondente proxecto atopámonos con que a actuación consiste no asfaltado directo da coñecida como Carballeira da Feira Vella.

O BNG considera esta actuación un despropósito e unha agresión directa a un entorno que entendemos precisa doutra actuación de recuperación e preservación polo seu valor medioambiental, paisaxístico e natural, ao tratarse dunha carballeira que mantén carballos en bo estado e de bo porte. Unha das poucas carballeiras integradas e próximas ao espazo urbano de Santa Lucía que precisa dunha protección absoluta e de cuidados exquisitos para manter este patrimonio ambiental que nos deixaron os nosos antepasados.

O PP de Moraña segue coa súa política de chapapote para todo, sen estudar outras alternativas ou posibilidades de actuación para un entorno como ó da Carballeira da Feira Vella. Lamentablemente esta é a política urbanística do PP, sen ideas, sen respecto polo medio ambiente, e sen reparo en tirar co asfalto polas carballeiras, mentres outros camiños seguen a manter unha deficiencias inaceptables.

O BNG considera necesario redifinir o proxecto e as actuacións a levar a cabo no entorno da Carballeira da Feira Vella, precisamente para non cair nos graves erros que xa se teñen cometido no noso concello ao asfaltar carballeiras e outros espazos de valor ambiental.

Alén disto, o BNG cuestiona esta actuación porque no PXOM vixente na zona na que se propón actuar está clasificada como ordenanza 5 (ZONA VERDE). Polo que entendemos non se pode admitir o asfaltado indiscriminado desta zona. Ademais non se pode pasar por alto que no PXOM aprobado inicialmente pola Corporación Municipal (co voto en contra do Grupo Municipal do BNG) incorporase a citada carballeira ao Solo Urbanizable non delimitado ( SUDN-01) para desenvolver no futuro, polo que dadas as circunstancias de trámite do PXOM sería unha actuación absolutamente irregular promovida polo propio Concello dado que a anuncio da aprobación do novo PXOM (DOG 3/2/2014) establece a suspensión de licenzas nos ámbitos en que as determinacións do novo planeamento supoñan modificación da ordenación urbanística vixente.

Ante esta circunstancia o BNG vai promover unha moción ante a Corporación Municipal do Concello de Moraña para instar ao goberno municipal para que rectifique a proposta de asfaltado da Carballeira que figura no proxecto e para que se estuden outras alternativas, ademais de solicitar un informe dos servizos municipais para que acrediten a cabida da actuación ao abeiro da normativa urbanística aplicable.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.