ASEMBLEA ABERTA EN MORAÑA O 22 DE XULLO.
O BNG de Moraña inicia, cunha Asemblea Aberta o vindeiro martes 22 ás 21h na casa de cultura Castelao, unha serie de accións co obxectivo de establecer espazos estables de colaboración e interacción coa súa base social e con outros sectores que cren que é necesaria unha alternativa á realidade política que nos rodea. Un proceso amplo de contraste e diálogo social, que permita ensanchar e reforzar no ámbito local a alternativa nacionalista.
Varios son os obxectivos que tratamos de conseguir e que van depender, en todo caso, da participación da veciñanza neste foro morañés de opinión e debate:
1. Recoller ideas e inquedanzas para responder de maneira moito máis forte ao ataque sistemático contra os dereitos sociais e ao retroceso democrático.
2. Trasladar tamén as preocupacións do BNG e o seu empeño por conseguir instrumentos decisorios que nos permitan atender os numerosos conflitos sociais existentes neste momento no país, e que por suposto, tamén alcanzan ao noso Concello e á nosa veciñanza.
3. Establecer fórmulas de relación que nos permitan escoitar as mensaxes da sociedade de xeito directo e constante.
4. Crear espazos de colaboración estables con persoas e colectivos conscientes, abertos á reivindicación, á participación na vida pública, apostando pola dignificación da política e a necesidade de nos organizar. Sabedores de que entre todos e todas podemos mudar as cousas paso a paso, coñecendo os problemas de primeira man, artellando instrumentos para afrontalos e buscando solucións. Tendendo pontes de traballo coa intención sempre de acadar entendementos.
5. Planificar accións conxuntas arredor de temas de interese na localidade ou recoller propostas.
6. Que os veciños e veciñas de Moraña dispoñamos dun lugar de encontro, opinión, debate ou protesta onde sermos escoitados e tidos en conta.
7. Calquera outro que a asistencia teña a ben trasladar ou considere oportuno en función do desenvolvemento da Asemblea.
Por todo isto, consideramos moi importante e enriquecedor conseguir unha ampla participación que poña en marcha a maquinaria e nos permita afrontar conxuntamente a realidade e o futuro de Moraña con máis forza e ilusión.
Eva Villaverde (R.L. do BNG-Moraña)