2. Eva Villaverde Pego

Eva Villaverde PegoSon Eva Villaverde, para algúns Eva a da Laxe, veciña de Santa Xusta e orgullosa militante do Bloque Nacionalista Galego.

A miña simpatía cara ao BNG empezou a medrar unha vez que comecei a estudar a carreira de Ciencias Políticas en Compostela. Sempre que había un tema que me preocupaba, unha cuestión que me afectaba ou me interesaba, sempre había xente do BNG detrás: loitando, defendendo, informando…

Pero sen dúbida, a cuestión que para min foi fundamental e determinante para achegarme a esta organización política foi a defensa incuestionable, clara e contundente do galego. Esa lingua que falaban meu pai e miña nai, meus avós e avoas, as persoas que me rodeaban, que me deixaron en herdanza as xeracións que me precederon, era desprezada, ninguneada ou ignorada polo resto de forzas políticas, pero defendida con orgullo e teimosía polo BNG. Co tempo funme dando conta de que para oír falar dos problemas que me afectaban, para sentir o nome do meu país por aí fóra, para que alguén se acordase de que as galegas e galegos tamén existiamos, tiña que esperar a que parlamentarios ou parlamentarias do BNG, en Compostela en Madrid ou en Bruxelas, saísen á palestra, ou á rúa os seus homes e mulleres.

Por estas alturas aínda non coñecía as persoas do BNG de Moraña, e non tiña ningunha vinculación con esta organización a nivel local. Pero as inquietudes culturais e ecolóxicas que me empuxaron a formar parte de asociacións e colaborar na organización de actividades, acabaron demostrándome unha vez máis, que en todos os temas que me preocupaban ou me creaban inquietudes, estaba a xente do BNG traballando, defendendo o correcto e loitando polo xusto. Vin neles a un grupo de persoas que formaban equipo; todos e todas recoñecían que eran as mellor preparadas, as máis traballadoras e as máis coherentes coas súas ideas.

Unha cousa levou á outra e finalmente entendín que debemos dar un paso á fronte se queremos loitar por aquilo no que cremos, que a política é un instrumento para transformar a realidade, que o individualismo só leva ao beneficio duns poucos e á miseria da maioría, e que a única maneira de defendérmonos e construír futuro é organizándonos. Este é o motivo polo que hai agora xa máis de oito anos aceptei por primeira vez formar parte da candidatura do BNG en Moraña, polo que volvín dicir que si catro anos despois converténdome en concelleira do Bloque, e polo que agora agradezo profundamente a honra que os compañeiros e compañeiras me brindan ao permitirme acompañar ás 20 persoas que completan a candidatura do BNG-Asembleas Abertas.

Estou segura de que entre todos e todas conseguiremos grandes cousas para este Concello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Web do Bloque Nacionalista Galego de Moraña