No BNG cremos que o Concello de Moraña debe ser un exemplo de xestión política en canto a eficiencia e tamén en canto a transparencia; pero en todo caso, unha xestión sempre dirixida a transformar a realidade. Unha xestión que redunde no beneficio das persoas e dos colectivos, igualitaria. Queremos do noso concello un lugar onde os servizos básicos estean cubertos e deien de ser unha demanda constante. Un concello onde se poida vivir ,traballar ,participar, gozar. Un concello respectuoso co medio ambiente, co noso patrimonio, coa cultura e coa lingua que nos unen. Onde a veciñanza se torne en protagonista e a mocidade sexa o motor do cambio. Con este obxectivo presentamos como prioritarias as seguintes 25 propostas:
— As persoas primeiro. Moraña para vivir e traballar
- — PLAN DE EMPREGO: desenvolvemento dun Plan de Emprego Municipal adaptado aos nosos sectores produtivos: agro, forestal, turismo e industrial.
- — APOIO DECIDIDO ÁS NOSAS EMPRESAS: bonificacións fiscais para as empresas que se asenten en Moraña, e incentivos para as empresas locais na contratación de persoas do noso Concello.
- — COMERCIO LOCAL: campaña activas de promoción, concienciación e dinamización do noso comercio local: “Onde mellor que en Moraña?”.
- — COOPERATIVA DE SERVIZOS SOCIAIS: impulso e creación dunha cooperativa que xestione os servizos sociais de axuda no fogar e xantar na casa. Ademais, esta cooperativa realizará:
- – Actividades de caracter cultural, educativo e recreativo que contribúan a unha maior calidade de vida das persoas beneficiarias.
- – Actividades de promoción da muller e na educación para a igualdade entr ehomes e mulleres.
- – Actividades de formación para desempregados no concello relacionadas cos servizos sociais.
- — A NOSA MOCIDADE, ACTIVA: batería de medidas (apartado específico xuvenil no plan de emprego, servizo de seguimento municipal da mocidade desempregada, creación da Omix e programación estable e aberta de ocio e actividades alternativas).
—Un Concello ao servizo da veciñanza. Infraestruturas, equipamentos e servizos públicos de calidade
- — SANEAMENTO PARA TODAS/OS: dotación deste servizo básico ao cen por cen das vivendas. Definir unha infraestrutura hidráulica que leve todas as augas sucias á depuradora municipal, para evitar verquidos e contaminacións directas aos nosos ríos e regatos.
- — PLAN MUNICIPAL DE INFRAESTRUTURAS VIARIAS: apostar con este plan pola mellora das plataformas, limpezas, sinalización e elementos de seguridade. Eliminación dos puntos máis perigosos da rede de camiños municipais.
- — EFICIENCIA ENERXÉTICA E NOVAS TECNOLOXÍAS: apostar polas enerxías alternativas, o aforro enerxético nas instalacións municipais e implementar banda ancha a todo o territorio do noso Concello.
- — ESPAZOS PÚBLICOS E VECIÑAIS: recuperar e implementar cando menos un espazo público e deportivo en tódalas parroquias.
- — PUNTO LIMPO: crear un punto limpo e un servizo de transporte municipal de recollida de voluminosos.
- — SERVIZO DE RECOLLIDA DE LIXO: modernizar e mellorar as frecuencias do servizo de recollida de lixo. Adquisición dun vehículo adaptado para recollida de cartón, vidro e plástico nas parroquias.
- — LOCAIS VECIÑAIS: recuperar e mellorar os locais veciñais para uso e dinamización veciñal.
- — REORDENAR O TRÁFICO EN SANTA LUCÍA: reordenar o tráfico no núcleo urbano e ubicar zonas de carga e descarga habilitando así mesmo zonas de aparcamento. Dotar de mobiliario urbano.
- — CIRCUNVALACIÓN NO NÚCLEO URBANO: deseñar un proxecto de circunvalación ao núcleo de Santa Lucía para resolver os problemas de acceso do tráfico pesado.
- — PRAZA DE ABASTOS: arranxar a Praza de Abastos para poñer en valor o seu gran potencial comercial dos produtos locais.
- — EXPLANADA DE MOS: urbanizar esta zona como espazo público multiusos con espazo para aparcadoiro.
- —PAVILLÓN E PISCINA MUNICIPAIS: modernizar as instalacións de dous equipamentos básicos: o pavillón do CPI e a piscina municipal.
- — MODERNIZACIÓN DA CASA DA CULTURA: adaptar e acondicionar o patio traseiro da casa de Cultura ADR Castelao. Definir un proxecto para a ubicación dun auditorio adaptado ás necesidades culturais reais de Moraña.
—Moraña de todos e todas. Transparente, participativa e cultural
- — TRANSPARENCIA: xestión rigorosa e transparente do diñeiro público. Abriremos o concello á veciñanza.
- — PARTICIPACIÓN: crear os Consellos Parroquiais e darlle voz aos veciños nos Plenos cando o desexen. Reunións abertas nas parroquias con periodicidade, cando menos anual, para explicar actuacións, escoitar e resolver dúbidas, recoller demandas.
- — CULTURA VIVA: planificación cultural estable, aberta dinámica e participativa co noso tecido cultural, dándolle transversalidade ao fomento e normalización do noso idioma.
- — PATRIMONIO: recuperación e posta en valor do noso patrimonio local: Muíños das Laxes, Casa das Sociedades Agrarias da Alende, Escola de Santa Xusta, Bens arqueolóxicos…
- — ASOCIACIONISMO: apoio directo e decidido a todos os colectivos e aumento das axudas económicas a asociacións e colectivos.
- — ESCOLA DE MÚSICA: recuperación e adaptación das clases individuais de instrumento. Establecer mecanismos para unha maior estabilidade na xestión.
- — CAMIÑOS ESCOLARES: impulsar a creación de camiños escolares e máxima colaboración cos centros de ensino do noso Concello.